Reseña histórica

Nacemento e breve historia da Cooperativa de Meirás

Neste escrito queremos destacar, brevemente, pois non podía ser doutra maneira, as etapas máis salientables na vida da nosa cooperativa.

 

O fundador da cooperativa, don Misael Prieto García, chega a Meirás no ano 1910 para axudar o seu tío don Baltasar Prieto. As inquedanzas de don Misael son moitas, así coa prestación persoal dos veciños constrúe o local social lindeiro á igrexa parroquial, para destinalo a escola. Asisten a ela todos os veciños da parroquia e as ensinanzas nela son gratuítas.

No ano 1917 funda a Sociedade do Gando. Entran a formar parte dela case todos os veciños, dado que a economía era basicamente agraria. Esta mutua conta cun veterinario ao seu servizo que contribúe a mellorar a calidade do gando. Ao mesmo tempo que nace a mutua, don Misael segue a tradición anterior nos primeiros anos, ponlles as vacas aos veciños e reparte a ganancia a medias. Esta situación finaliza cando se funda “O Sindicato”, xa que a don Misael lle interesa que se fagan propietarios dos animais, concédelles préstamos para este fin, e trata de mudarlles vellos costumes prexudiciais aos seus intereses. Utiliza unha fórmula: aproveita o costume, no que a metade do valor da cría, sería para o desconto do préstamo. Así vai convertendo a todos en propietarios.

No ano 1918 nace o Sindicato Católico de Meirás. Fúndase polo empeño total de don Misael, e coa colaboración e apoio decidido do avogado don Enrique Santos Bugallo. No seu seo nace ao mesmo tempo unha sección de crédito, na que os seus fondos iniciais serán pequenas achegas. Posteriormente iranse depositando cantidades maiores ata que comeza unha actividade de empréstito de diñeiro, que en poucos anos fai que os seus veciños confíen nela e vaia medrando continuamente.

No 1925, o sindicato dá un paso moi grande na súa consolidación. Compra dúas extensas zonas da parroquia, os lugares da Cubeta e as ladeiras de Campelo, que se lles venden aos colonos e,  se é o caso, aos veciños da parroquia.

A outra etapa na vida do sindicato constitúea a construción dos muíños da Cubeta; isto supón un transvasamento da auga do río a través dun canal que xa daquela se cementa na súa totalidade. Esta construción inaugúrase no ano 1928, cunha festa na parroquia, na que interveñen grupos rexionais. O acto aparece reflectido en diversos xornais da época.

Xa daquela e para solucionar o problema da escaseza da auga no período estival, adquiren un motor para mover os muíños. Móese como en todos os sitios polo sistema da maquía. Os muíños seguen funcionando na actualidade.

Na mesma época, o sindicato constrúe dúas pontes sobre o río San Vicente que divide a parroquia en dúas zonas e impedía en época invernal trasladarse dunha á outra. Así mesmo, leva a cabo no ano 1930, obras de infraestruturas: lavadoiros públicos en distintos puntos da parroquia, algúns deles cubertos. Moitos seguen en pé.

 

A morte do fundador ten lugar o 30 de maio do ano 1935. A cooperativa estaba consolidada e tras unha breve paréntese, pasa a encargarse dela un novo cura, don Pedro Rodríguez Cazás.

No 1946 e tras a súa adaptación ás novas disposicións legais deixa o nome de sindicato, denominación que aínda perdura nos socios máis antigos. A cooperativa monta, coincidindo coa instalación de enerxía eléctrica, un local social onde hai unha sala de cine.

Nesta etapa a cooperativa está estruturada en seccións: sección produción, sección consumo, sección de crédito agrícola e sección mutua gandeira. Continúa o labor de adquisición de terras e gando, mellora e construción de novas vivendas para os seus socios.

En 1956 falece don Pedro Rodríguez Cazás, e a cooperativa segue a súa marcha sen o brazo tutelar da igrexa, tras un curto período, é elixido tesoureiro don Manuel Orjales Leira.

A cooperativa segue a facer a súa labor social e centrase no apoio á construción de explotacións agrarias, mellora das existentes, adquire e pon á disposición dos socios un amplo parque de maquinaría, amplía os seus almacéns, organiza a recollida do leite, e está entre os socios fundadores de Leyma. Adquire a chamada finca dos Pedregas, para os colonos de Meirás e Lago, constrúe un novo local social, e xuntamente con outras cooperativas agrarias da zona constitúen Copagro, unha cooperativa de 2.º grao, que se dedica a fabricar os pensos  para as cooperativas socios e ao mesmo tempo é unha central de compra para as cooperativas  que a integran.

En canto ao ámbito de actuación deixa de ser parroquial e pasa a unha cooperativa de ámbito comarcal que realiza actividades na comarca de Ferrol.
       
A Cooperativa de Meirás de Consumidores e Usuarios, co concurso da sección de crédito, e para seguir cumprindo cos seus obxectivos, inicia nos anos 80, un novo período, coa finalidade de consolidar e diversificar  as súas actividades, que teñen sempre como meta proporcionarlles aos seus socios e clientes produtos e servizos nas mellores condicións de calidade e prezo.

Con este fin, acomete unha serie de investimentos, que supoñen un forte crecemento no que se construíron novos locais para agrotendas e supermercados en Meirás, San Mateo e San Sadurniño, e se melloraron os locais de Narahio. Acometeuse a reforma do edificio social, para acomodar os servizos centrais, e a sección de crédito. Constrúense en Meirás e Narahio, unhas novas naves para gardar a maquinaria agrícola. Mellorouse o servizo de banca asinando convenios con entidades financeiras, que amplían a posibilidade de prestar máis e mellores servizos aos socios. Dentro do seu labor social, a cooperativa constitúe unha fundación destinada ao mundo da discapacidade, tanto física como psíquica.

Ao mesmo tempo que se fan investimentos e se diversifican actividades, a cooperativa axuda a solucionar problemas xurdidos no ámbito do cooperativismo. Así, absorbe, no ano 1996, a Sociedad Cooperativa de Productores del Campo de San Mateo de Trasancos e no ano  2001 absorbe a Sociedad de Productores do Campo de Santa María de Narahío de Responsabilidae Limitada.

ADAPTACIÓNS SOCIAIS E SITUACIÓN ACTUAL

Os primeiros estatutos, que rexeron a vida da cooperativa dende o seu nacemento ata 1945, non chegaron a nós. Tras a contenda civil, entra a rexer a Lei de cooperativas do 2 de xaneiro de 1942 e o regulamento do 11 de novembro de 1943. A cooperativa adapta os seus estatutos á nova normativa e son aprobados pola Orde do Ministerio de Traballo do 24 de novembro de 1945, e pasa a denominarse Cooperativa de Produtores do Campo de Meirás, con este nome e con estes estatutos rexerase ata adaptación dos estatutos á Lei 52/1974, do 19 de decembro, xeral de cooperativas e pasa a denominarse Sociedad Cooperativa del Campo de Meirás de Responsabilidad Limitada.

A seguinte reforma estatutaria levase a cabo para adaptala á Lei de cooperativas do 2 de abril de 1987, denominándose Sociedad Cooperativa Agraria de Meirás Limitada. A seguinte reforma estatutaria, motivada pola adaptación dos estatutos da cooperativa á Lei/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, pasa a denominarse Cooperativa Agraria de Meirás, Sociedade Cooperativa Galega.

Ante os cambios operados no contorno, a asemblea xeral extraordinaria de socios do 24 do novembro de 2002 aprobou o cambio de denominación da clase de cooperativa e ao mesmo tempo unha modificación  de estatutos, na que pasa de ser cooperativa agraria a una cooperativa de consumidores, e denomínase COOPERATIVA DE MEIRÁS DE CONSUMIDORES E USUARIOS SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA

A Asemblea Xeral de Socios, celebrada o día 30 de maio de 2004, aprobou  para a sección de crédito, un regulamento de réxime interno, que ten como finalidade regular o funcionamento da sección de crédito da cooperativa. Este regulamento foi modificado no ano  2006 e no ano 2009, nos que basicamente se amplían as facultades do Consello Reitor, para a revisión dos tipos de xuro e se modificada regulación da dotación especial para riscos de insolvencia.

Os estatutos sociais actuais da Cooperativa foron adaptados á Lei de cooperativas 14/2011 do 16 de decembro de cooperativas de Galicia, nas que se recollen as novidades lexislativas e os cambios que a nova norma  contempla.